Sunday 05 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño e INS3RTEGA instalan catro colectores para a recollida de roupa e calzado


A empresa de economía social tamén ofrece un servizo gratuíto de recollida domiciliaria no caso de querer doar ou reciclar grandes volumes de prendas que non poidan botarse nos colectores

 

A roupa usada pode ter unha segunda vida. O ideal é aproveitala todo o que se poida para reducir ao mínimo a posibilidade de que acabe no colector do lixo. Pero se aínda así queremos ou temos que desfacernos dunha prenda de vestir, de calzado ou roupa do fogar, debemos pensar en que, se cadra, hai quen pode reutilizala ou na posibilidade de que se recicle en fibras para novas teas, fíos e incluso como materia prima para fabricar mobiliario. Reutilizar e reciclar son os dous “R” aos que se dedica INS3RTEGA, unha empresa social integrada maioritariamente por persoas con discapacidade que, en colaboración co Concello, acaba de instalar catro colectores metálicos de recollida de prendas de vestir e roupa do fogar que se veñen engadir ao colocado recentemente por Cáritas ao pé da igrexa de San Sadurniño.

Os novos depósitos, dunha cor verde rechamante e identificables polo lema “Contigo, San Sadurniño recicla”, están nos seguintes lugares:

San Sadurniño (aparcadoiro da escola infantil)
Naraío (aparcadoiro da cooperativa)
Igrexafeita (local social da Torre)
Camiño Arriba (na explanada de Lácteos O Casal)
Neles poden botarse pantalóns, camisas, camisetas, abrigos, calcetíns, zapatos, zapatillas, “tenis”, etc., e téxtil do fogar, como sabas, mantas, manteis, panos… que sempre deben ir en bolsas pechadas para optimizar o espazo e facilitar o baleirado.

INS3RTEGA ocuparase de recoller as prendas regularmente e do seu tratamento posterior, seleccionando e separando aquelas que estean en perfectas condicións para poder reutilizarse tras un esixente proceso de limpeza e preparación previa. Roupa toda ela que se clasifica e que se pon a disposición de entidades sociais e roupeiros xestionados polos Servizos Sociais municipais.

As pezas que polo seu estado xa non poidan volver reutilizarse -arredor do 50% do que se bota nos depósitos, segundo a empresa- destínanse á reciclaxe convertidas en materiais e fibras con múltiples usos posteriores, como novos tecidos, fíos en bruto, recheos, bolsas e packaging, artigos de agasallo ou téxtil do fogar. INS3RTEGA incluso conta cunha liña de deseño de uniformes para empresas feitos a partir de fibras recicladas e tamén proporciona materia prima para fabricar mobiliario con compostos téxtiles.

No caso de que, puntualmente, os colectores estean ao límite da súa capacidade, pode dárselle aviso á empresa no 634 594 877 (ou tamén a través da app/web municipal Liña Verde). A ese teléfono tamén se pode chamar para recollidas domiciliarias de grandes cantidades de prendas de vestir e roupa do fogar, como por exemplo as motivadas por mudanzas -cando sempre se desbotan moitas pezas- ou pola necesidade de baleirar casas que cambian de mans e que cómpre librar.

Tal e como comenta o alcalde, Secundino García, a rede de colectores de roupa “distribuiuse por lugares polos que é habitual que pase moita xente, e se vemos que a iniciativa funciona mesmo poderiamos comentar con INS3RTEGA a posibilidade de amplialos a outros puntos”. O rexedor engade que este novo servizo de recollida e tratamento da roupa e calzado “é gratuíto para o Concello e para a veciñanza”. “O obxectivo -prosegue García- é reducir este tipo de refugallo cun tratamento axeitado, ademais de rebaixar a fracción téxtil do lixo que se envía a SOGAMA, onde o seu destino final sería a incineración, algo que é pouco respectuoso co ambiente”.

Secundino García destaca, ademais, que a colocación dos colectores de roupa en puntos estratéxicos “tamén está contribuíndo á redución da nosa pegada de CO², á economía circular e a unha iniciativa de emprendemento de base social como é INS3RTEGA, unha empresa punteira e innovadora onde o 95 por cento do seu cadro son persoas con discapacidade”.

O Concello e a firma arteixá desenvolverán proximamente unha campaña informativa a través das redes sociais e do boletín informativo Novas, que no seu próximo número -nas casas a partir da semana que vén- xa se fai eco desta iniciativa.

INS3RTEGA tamén ofreceu a posibilidade de que o CPI visite as súas instalacións -as máis modernas do Estado-, así como a impartición de charlas informativas e de concienciación ao respecto dos 3R que forman parte do seu nome: Reducir, Reutilizar e Reciclar.